que é espacio atlántico?
A Dirección de Espacio Atlántico fixo pública a selección de galerías de arte que formarán o Programa Xeral da nova edición da feira de arte contemporánea de Vigo, que se celebrará entre o 7 e o 10 de abril de 2011. Son un total de 43 prestixiosas galerías de España e Portugal que integran tanto o Programa Xeral como a selección de cinco Project Rooms que se poderá visitar no Instituto Feiral de Vigo, IFEVI. En total, participarán os traballos de máis de 300 artistas internacionais.
Este ano a feira vén marcada pola consolidación dos cambios introducidos o ano anterior, fundamentalmente orientados a criterios de calidade e profesionalidade, baixo a dirección xeral de Marta Scarpellini e que conta actualmente coa nova dirección artística de Pilar Ribal e a presentación dun atractivo Programa de Coleccionistas organizado por Around Art. Así, destacan importantes galerías galegas como Adhoc, Trinta, SCQ, Bacelos, Marisa Marimón, Ana Vilaseco o Factoría Compostela. Do resto de España participarán salas tan relevantes como Fúcares, Max Estrella, Carles Taché, Senda, Nogueras Blanchard, Moisés Pérez de Albéniz Horrach Moya, Pilar Serra, Maior, Rafael Pérez Hernando ou Xavier Fiol, namentres que haberá unha representación de tres das máis importantes galerías portuguesas: Mário Sequeira desde Braga, Pedro Oliveira do Porto e a lisboeta Carlos Carvalho.
Entre as novidades máis destacadas deste ano figura a apertura dunha liña de difusión de programas e contidos doutras feiras, bienais, eventos e institucións artísticas e culturais. Trátase dun novo aliciente da feira, o que converte a Espacio Atlántico nunha excepcional plataforma para o intercambio e a colaboración profesional. Esta iniciativa concrétase en 2011 coa participación da Feira LOOP de Barcelona, que exporá unha selección dos vídeos depositados nos fondos do Macba; así como da Cidade da Cultura de Galicia, un dos proxectos máis relevantes da comunidad anfitrioa.
A feira chega ata o Porto de Vigo, cunha exposición arredor do artista Manolo Paz na zona central do Porto grazas á colaboración da institución e que se enmarca dentro dos actos previstos con motivo da Homenaxe que este ano lle dedica Espacio Atlántico. Inaugurarase o día 6 de abril ás 12,00 h, véspera da inauguración oficial da feira de arte contemporánea de Vigo. Cómpre destacar tamén a posta en marcha dunha nova sección dedicada ao debuxo contemporáneo. Baixo o título “Expanding drawing”, a exposición comisariada por Pilar Ribal, inaugura este novo apartado artístico ao que a feira dedicará unha atención especial nos próximos anos, co dobre obxectivo de impulsar este coleccionismo específico e de ampliar a capacidade de atracción da feira a novas galerías emerxentes e especializadas do ámbito internacional.
Por outra banda, ábrese a “Zona Performance”, que este ano ten como protagonista a actriz e artista multimedia Rossy de Palma, que presentará “The Lloratorio”, un proxecto en construción que se estenderá ao longo de todo un ano e que presentará as súas conclusiones na edición de Espacio Atlántico 2012.
A través destas iniciativas preténdese reforzar o camiño iniciado en 2010, no que Espacio Atlántico constituiu unha verdadeira revelación no mercado da arte, situándose como a principal referencia feiral do noroeste peninsular.
CONTIDOS
-
Homenaxe a Manolo Paz
Como é habitual cada ano, Espacio Atlántico recoñece o labor dos artistas galegos. Nesta ocasión, o artista homenaxeado é Manolo Paz (Cambados, 1957), un internacionalmente recoñecido escultor cun traballo que se insire na tradición escultórica abstracta, cunha perspectiva naturalista. Durante a celebración da feira, as súas obras poderán visitarse en dous espazos. O mércores 6 de abril ás 12,00 h inaugúrase unha mostra na zona central do Porto de Vigo grazas á colaboración do propio Porto, mentras que no IFEVI habilitarase un espazo para a súa exposición no Pavillón 2.
-
Difusión de programas
Entre as novidades desta edición, atópase unha liña de difusión de programas, feiras, bienais e outras iniciativas, que teñan un perfil ou unha proposta que supoña un aliciente adicional ao do propio programa de Espacio Atlántico. A feira de videoarte de Barcelona LOOP é a convidada desta edición, unha curiosa proposta na cal os cuartos dun hotel se converten en salas de proxección. En Vigo exhibirase unha selección de vídeos premiados, que reflicten a diversidade de propostas das oito edicións que celebraron.
A segunda institución que terá o seu propio espazo na feira é a Cidade da Cultura de Galicia, o espectacular proxecto situado en Santiago de Compostela e do que se inauguraron os primeiros edificios o 11 de xaneiro deste mesmo ano. Unha excelente vía para achegar un dos máis relevantes conxuntos arquitectónicos contemporáneos e o ambicioso proxecto cultural ao que está vinculado a todos os visitantes e expositores que atraerá Espacio Atlántico.
-
Exposición “Expanding Drawing”
Unha das máis ambiciosas propostas para este 2011 é “Expanding Drawing”, comisariada por Pilar Ribal. Trátase dunha excepcional exposición dedicada ao debuxo contemporáneo na que se reunirá unha selección de obras de artistas representados en Espacio Atlántico, unha nova liña de actuación que implica unha aposta por unha das linguaxes artísticas que máis expectativas está a xerar no mercado da arte. A intención é que en sucesivas edicións se vaian ampliando os seus obxectivos coa inclusión no seu programa de galerías e artistas de todo o mundo que exemplifiquen a gran diversidade de solucións do debuxo contemporáneo.
“Expanding Drawing” non será unha exposición de debuxos ao uso, senón un conxunto de pinturas, esculturas, obxectos, animacións dixitais, instalacións específicas e composicións creadas mediante os máis diversos procedementos e materiais que ten en común a aplicación da lóxica do debuxo.
Artistas: Susy Gómez, Leticia Vallejo, Amador, Marta Blasco, Juan Carlos Bracho, Ruth Gómez, Olmo Blanco, Fernando Gutiérrez, María García-Ibáñez, Carlos Schwartz, Jacobo Castellano, Pablo Valbuena, Javier Arce, Pamen Pereira, Jordi Ribes, Gino Rubert, Catalina Obrador, Santiago Picatoste, Jorge Perianes, Ignacio Uriarte, Jesús Pastor, Antía Moure, Clara Montoya, Sofía Jack, Ana Soler, Tatiana Medal.
-
Zona Perfomance. “The Lloratorio”
A actriz e artista multidisciplinar Rossy de Palma será a primeira participante da nova Zona Performance. É outra proposta desta edición, na que se porá en marcha o proxecto en construción “The Lloratorio”, que constitúe a súa presentación en España como artista visual, unha carreira que xa hai anos ven desenvolvendo en Francia. Espacio Atlántico convértese desta forma na primeira plataforma pública desta performance in progress que a propia actriz activará oficialmente na feira e na que poderán participar os expositores, artistas e o público en xeral que visiten o IFEVI durante a celebración de Espacio Atlántico. “The Lloratorio”, comisariado por Pilar Ribal, estenderase ao longo dun ano e os seus resultados presentaranse na edición de 2012 de Espacio Atlántico.
-
Programa de coleccionistas e VIP
Unha das áreas máis reforzadas esta edición foi o Programa de Coleccionistas y VIP, que dirixen e organizan dúas profesionais de recoñecido prestixio desde a empresa Around Art: Sofía Barroso e Julieta Rafecas. A proposta, de carácter moi coidado e exclusivo, inclúe visitas ás principais institucións artísticas da comunidade galega, co fin de que poidan coñecer o excelente traballo que se desenvolve neste ámbito en Galicia. A Cidade da Cultura de Galicia, o CGAC, o MARCO, Novacaixagalicia, a Fundación Pedro Barrié de la Maza ou a Fundación Laxeiro son algunhas das visitas programadas nas que tamén se deixa lugar ao interesante coleccionismo privado, como a visita ao Espacio Sirvent, en Vigo.
-
Colección Espacio Atlántico
Unha das principais novidades da anterior edición e que se manterá este ano é a Colección Espacio Atlántico. Trátase dunha colección internacional con obras adquiridas na feira de arte contemporánea e que se atopa depositada no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO. Esta é unha firme aposta da feira, ao tempo que busca potenciar o coleccionismo de arte actual, cun perfil internacional. A decisión de que a entidade depositaria sexa o MARCO débese a que desde a dirección considérase de vital importancia que a Colección Espacio Atlántico poida ser gozada no principal museo de arte contemporánea da cidade. Esta Colección Espacio Atlántico ten, polo tanto, unha dobre función, incrementar o noso patrimonio e ensinar a importancia e a rendibilidade social que ten apostar polo contemporáneo. As adquisicións realizaranse tendo en conta os intereses expositivos do MARCO de Vigo, tratando de atopar a mellor articulación coa liña do museo, de cara a que estas obras se poidan integrar en futuras exposicións do centro. En todo caso, serán artistas con proxección internacional, sen establecer previamente cotas xeográficas nin conceptuais.
Espacio Atlántico amplía o seu equipo, con nova dirección artística e reforza o Programa Social
Espacio Atlántico presenta os novos profesionais que se integran na organización da feira de arte contemporánea de Vigo na súa quinta edición. A dirección artística está a cargo da crítica de arte e comisaria Pilar Ribal, mentras que outra das áreas que se verá reforzada será a organización do Programa de Coleccionistas, de man de Around Art, empresa de xestión cultural presidida por Sofía Barroso e dirixida por Julieta Rafecas. Estas incorporacións supoñen un amplo progreso para a feira, xa que se trata de sólidos profesionais cun amplo percorrido neste tipo de eventos tanto a nivel estatal como de dimensión internacional.
A selección de galerías será tarefa do Comité Asesor, formado por profesionais do sector con recoñecida traxectoria. Así, este Comité está integrado por David Barro, crítico de arte, comisario e ex director artístico de Espacio Atlántico; Inés Ramiro, directora da Galería adhoc (Vigo); Pilar Ribal, crítica, comisaria e directora artística de Espacio Atlántico; e Asunta Rodríguez, directora da Galería Trinta (Santiago de Compostela).
Espacio Atlántico 2011 presenta as súas datas: do 7 ao 10 de abril
A quinta edición da feira de arte contemporánea de Vigo Espacio Atlántico traslada as súas datas de celebración do 7 ao 10 de abril de 2011 co obxectivo de buscar unha mellor situación no calendario feiral internacional.
O prazo para que as galerías poidan enviar a solicitude xa está aberto e é posible descargar o formulario na web www.espacioatlantico.com. Esta documentación deberá ser remitida antes do 31 de xaneiro de 2011. A continuación, reunirase o Comité Asesor e publicarase na web a lista de galerías admitidas.
O recinto feiral IFEVI será novamente a sede do evento e mantenranse as novidades incorporadas na pasada edición, destacando a continuidade da Colección Espacio Atlántico (depositada no MARCO de Vigo). Espacio Atlántico camiña firme na súa consolidación como eixe fundamental da arte contemporánea da Península Ibérica, asumindo co éxito o importante salto de calidade dado na edición de 2010.
Vídeo de masdearte.com, medio oficial de Espacio Atlántico 2010

