Espacio Atlántico amplía o seu equipo, con nova dirección artística e reforza o Programa Social
Espacio Atlántico presenta os novos profesionais que se integran na organización da feira de arte contemporánea de Vigo na súa quinta edición. A dirección artística está a cargo da crítica de arte e comisaria Pilar Ribal, mentras que outra das áreas que se verá reforzada será a organización do Programa de Coleccionistas, de man de Around Art, empresa de xestión cultural presidida por Sofía Barroso e dirixida por Julieta Rafecas. Estas incorporacións supoñen un amplo progreso para a feira, xa que se trata de sólidos profesionais cun amplo percorrido neste tipo de eventos tanto a nivel estatal como de dimensión internacional.
A selección de galerías será tarefa do Comité Asesor, formado por profesionais do sector con recoñecida traxectoria. Así, este Comité está integrado por David Barro, crítico de arte, comisario e ex director artístico de Espacio Atlántico; Fernando Santos, director da Galeria Fernando Santos (Oporto); Inés Ramiro, directora da Galería adhoc (Vigo); Pilar Ribal, crítica, comisaria e directora artística de Espacio Atlántico; e Asunta Rodríguez, directora da Galería Trinta (Santiago de Compostela).
Espacio Atlántico 2011 presenta as súas datas: do 7 ao 10 de abril
A quinta edición da feira de arte contemporánea de Vigo Espacio Atlántico traslada as súas datas de celebración do 7 ao 10 de abril de 2011 co obxectivo de buscar unha mellor situación no calendario feiral internacional.
O prazo para que as galerías poidan enviar a solicitude xa está aberto e é posible descargar o formulario na web www.espacioatlantico.com. Esta documentación deberá ser remitida antes do 15 de decembro de 2010. A continuación, reunirase o Comité Asesor e publicarase na web a lista de galerías admitidas.
O recinto feiral IFEVI será novamente a sede do evento e mantenranse as novidades incorporadas na pasada edición, destacando a continuidade da Colección Espacio Atlántico (depositada no MARCO de Vigo). Espacio Atlántico camiña firme na súa consolidación como eixe fundamental da arte contemporánea da Península Ibérica, asumindo co éxito o importante salto de calidade dado na edición de 2010.
Vídeo de masdearte.com, medio oficial de Espacio Atlántico 2010